Defensa da sanidade pública na Mariña

Partillar no Chuza!Partillar no MenéamePartillar no FacebookPartillar no Twitter

rodeando-hospital-da-costa burela-23-03-132

 

MANIFESTO PLATAFORMA SANITARIA DA MARIÑA: 23 de marzo de 2013

A creación do Hospital da Costa como resposta ás mobilizacións que viviu A Mariña a finais dos anos setenta e a posterior posta en marcha do mapa sanitario de Galiza, que deu orixe á creación da Área Sanitaria da Mariña, significou unha mellora substancial da atención sanitaria da Comarca.

A principios do mes de Xuño do ano 2009, a anterior Conselleira de Sanidade anunciou en Burela a creación dunha área sanitaria de xestión ÚNICA para a provincia de Lugo, o que suporía, a centralización da xestión tanto hospitalaria coma dos centros de saúde en Lugo. As declaracións da Sra. Farjas provocaron unha grande preocupación na Comarca, pois ao Hospital da Costa están asignadas aproximadamente 72.000 persoas, distribuídas en 14 concellos, que pasarían a depender dunha xestión provincial potenciando en detrimento do Hospital da Costa o Hospital Lucus Augusti situado a uns 100 Kms de Burela e uns 90 minutos en tempo de desprazamento en coche. A pesar dos esforzos de distintos colectivos por que se clarexase as intencións da Conselleira, tras distintas declaracións contraditorias de varios membros do seu departamento, como a en aquel momento a Sra. Xerente do Sergas, Rocio Mosquera, de “reforzo de estratexias organizativas” non só non aclararon nada, mais ben ao contrario xa que na práctica coa publicación dos Decretos de Xestión Integrada do Salnés, O Barbanza, O Barco, Verín, e Cee e a adscrición dos hospitais de Vilagarcía, Ribeira, o Barco de Valdeorras Verín e Cee ao CHOP(Pontevedra), CHUS(Santiago), CHOU(Ourense)e o CHUAC (A Coruña), estas áreas sanitarias perderon a súa condición de xerencia independente pasando a ter como hospitais referenciais outros lonxe do seu territorio, tamén a capacidade para decidir sobre o seu propio orzamento para depender das decisións dun xerente provincial que distribúe o orzamento para gasto corrente e investimento real, o persoal, as infraestruturas e a prestación de servizos segundo lle conveña en toda a provincia.

A contestación social das comarcas da Mariña e Lemos para manter e mellorar a prestación sanitaria pública da nosas comarcas así como manter a nosa autonomía de xestión lograron frear ate o pasado xoves a aprobación do decreto de xestión integrada de Lugo que proximamente entrará en vigor rachando os compromisos do presidente da Xunta, da Consellería de Sanidade, dos alcaldes e altos cargos do PP para contar na Mariña cunha área de xestión integrada propia que permitiría manter o que agora se nos rouba. Non estamos dispostos e dispostas a tolerar mais mentiras, os que fai dous anos distribuían pola comarca un panfleto garantindo a autonomía sanitaria da comarca quedaron ao descuberto o pasado xoves coa aprobación do decreto que aceptaron sen reservas poñéndose ao servizo do partido no canto de estar ao lado das súas veciñas e veciños.

Esta comarca síntese enganada e desprezada, vemos como as promesas pasan a ser mentiras, vemos como unha e outra vez se nos prometen ampliacións dun hospital que ten 27 anos e xa non ten capacidade para asistir con calidade ás mais de 70.000 persoas residentes e outras moitas en momentos puntuais que debe atender; non queremos casetas de obra nin esmolas de 50.000 euros, queremos un compromiso real e efectivo para ampliar o Hospital da Costa. Vemos como os recortes en gastos de persoal e a ausencia reiterada dos investimentos prometidos van degradando a sanidade pública nesta bisbarra e provocando perda de servizos e constantes derivacións de pacientes a outros centros sanitarios.

Non nos vale o anuncio trampa de Feijoo e os que o acompañan para ampliar o hospital da Costa, ese anuncio é inutil cando ao mesmo tempo se aproba un decreto de xestión integrada provincial que baleirará de contido, de facultativos e de servizos sanitarios o nos hospital e os seus centros de saúde asociados da área sanitaria da Mariña e convertirá o noso hospital nun ambulatorio.

A xuízo desta plataforma as consecuencias para a sanidade pública da Mariña da aprobación do decreto de xestión integrada de ámbito provincial e con centro de decisión en Lugo resúmense nos seguintes aspectos:

a) Unha xerencia situada en Lugo, pola súa distancia, será unha gran descoñecedora dos problemas que xurdan nos centros da área da Costa.

b) Unha xerencia situada en Lugo será a morte de investimentos tanto no propio Hospital como nos Centros de Saúde da Costa como xa sucede noutras comarcas galegas

c) Unha xerencia única situada en Lugo significará o peche de servizos e a perda de especialidades, obrigando aos usuarios da Mariña a desprazarse a Lugo.

d) Unha xerencia única situada en Lugo leva incluída a mobilidade do persoal sanitario, pois ao pechar servizos, sobrarían profesionais.

d) Unha xerencia única situada en Lugo e diante da escaseza de certos especialistas, implicará desprazamentos constantes de poboación da Costa á capital, o que levaría consigo unha perda de calidade de asistencial e de vida, ademais de teren que asumir gastos de desprazamento, e incluso de hospedaxe, (volveriamos pasar por situacións que sucedían fai 27 anos e non queremos repetir)

POR TODOS ESTES MOTIVOS DENDE A PLATAFORMA SANITARIA DA MARIÑA INTEGRADA POR ASOCIACIÓNS DE DOENTES, ASOCIACIÓNS VECIÑAIS, CULTURAIS, DEPORTIVAS, FORZAS SINDICAIS E POLÍTICAS E CIDADANÍA DA MARIÑA:

1.- Demandamos unha aposta firme e decidida por esta comarca coa ampliación real do Hospital da Costa en número de camas, implantación da Unidade de Oncoloxía, ampliación de Hemodiálise, pleno funcionamento da Consulta Maior Ambulatoria, unha Resonancia Magnética fixa, a hospitalización a domicilio, a posta en funcionamento dos servizos de tarde, os aumentos do cadro de persoal e por suposto o reforzo e mantemento de tódolos servizos e unidades existentes tanto de Atención Primaria como de Especializada.

2.- Demandamos un xiro de 90 graos nas políticas tendentes á progresiva deterioración da sanidade pública e a súa mercantilización porque a sanidade pública non pode ser un negocio, é un dereito e patrimonio de todos e todas que non queremos perder.

3.- Demandamos unha área de xestión integrada para A Mariña con plena capacidade de xestión en asistencia primaria e especializada e sobre os seus recursos humanos, económicos, infraestruturas e prestación de servizos da área sanitaria e por tanto a retirada do Decreto de xestión integrada xa aprobado.

Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña

 
Facebook-01Facebook-01
Twitter-03Twitter-03
GoogleplusGoogleplus
PinterestPinterest
Rss-017Rss-017
DiigoDiigo
Linkedin-01Linkedin-01
Youtube-05Youtube-05

logoObencomun cor

Espazo A Mariña

Equipo Coordinación Comarcal:

  • Ica López del Prado  (Coordinadora Comarcal)
  • Ivan Rodríguez Lombardeo (Coordinador Comarcal)

Video destacado

"Alternativas ecosocialistas

en Europa"

 

Podes ver máis videos

na nosa sección multimedia

A forza dos nosos dereitos

 

Facebook

Powered by Enter Logic

Queres recibir o noso Boletín Informativo?