O proxecto da autovía A-57: cara, inútil, redundante e destructiva

Partillar no Chuza!Partillar no MenéamePartillar no FacebookPartillar no Twitter

autoestradaA proposta de trazado e mesmo a existencia do proxecto da autovía A-57 Pontevedra-Arcade-Vigo é un exemplo máis da estulticia das distintas administracións na súa cega aposta polas grandes infraestruturas para o transporte a motor, un grande negocio para as grandes construtoras e unha ruína para o conxunto da sociedade.

O proxecto de trazado da A-57, pretende unir Pontevedra e Vigo cunha autovía sen peaxe. O seu primeiro tramo, de 6 km, entre Vilaboa e Ermida (nestes intres en fase de alegacións ao estudo de impacto ambiental) é un exemplo paradigmático neste senso: 84 millóns de euros orzamentados, sen contar as expropiacións, unha tramitación absolutamente irregular co comezo das expropiacións antes de ter aprobado o estudo de impacto ambiental, un impacto ambiental inaceptable, destruíndo o monte Fracha, afectando hábitats de especies protexidas e ameazadas e numerosas minas de auga que dan servizo ás catro parroquias que afecta: Marcón, Tomeza, Bértola e Figueirido.

Tal como denuncia a Plataforma de Veciños Salvemos a Fracha, á que Espazo Ecosocialista quere manifestar o seu máximo apoio, este trazado que se pretende vender como “a circunvalación de Pontevedra” en realidade non é tal, porque para empregala, a veciñanza da cidade deberá percorrer 7 km pola N-550 para chegar ao enlace de Vilaboa ademais de non dar ningún servizo as persoas residentes na zona afectada.

É dicir que ademais dun desbaldimento de cartos inaceptábel nun contexto de recortes de todo tipo de servizos básicos para a cidadanía e un impacto ambiental realmente destrutivo, é unha infraestrutura inútil e redundate.

Porque Pontevedra xa ten unha circunvalación: a autoestrada A-9. Esa autoestrada que cando estaba a piques de amortizarse no ano 2000 e poder ser revertida ao patrimonio público, Manuel Fraga e Francisco Álvarez Cascos acordan prorrogar a súa concesión por 25 anos máis (ata 2048). E ao pouco tempo, a administración autonómica decidiu “liberalizar” a peaxe de Rande e de A Barcala, mediante o abono a partes iguais co Estado de 5,2 millóns de euros anuais á mesma empresa concesionaria tamén ate o 2048.

Esa autoestrada de peaxe que xa podía ser na actualidade autovía gratuíta de contar cuns gobernantes que atenderan os intereses reais do país. Esa é a verdadeira circunvalación de Pontevedra e desde Espazo Ecosocialista esiximos que reverta ao dominio público.

Son actualidade os casos de autoestradas explotadas en réxime de concesión que non teñen o tráfico que se proxectaba, o que obriga as administracións a inxectar cartos nas empresas concesionarias, como é no caso galego a autoestrada Santiago de Compostela-Ourense. Nun hipotético caso de construírse a A-57,sería previsible que esta restara gran cantidade de tráfico a A-9 polo que poderiámonos ver na situación de ter investido centos de millóns de euros na A-57 e a maiores ter que inxectar outros tantos na concesionaria da A-9 polo pouco uso da mesma. Onde está o beneficio para o conxunto da cidadanía?

Galiza conta actualmente con máis 1000 km de vías de alta capacidade segundo datos da propia Consellería de Política Territorial, dato que a sitúa, con 34 km/1000 km2, moi por encima da media europea. Realmente é necesaria esta nova infraestrutura?

O conxunto da humanidade enfronta nun futuro máis ou menos próximo dous enormes retos que van afectar directamente ao noso modo de entender o mundo: o cambio climático e a superación do pico do petróleo co consecuente fin da era do petróleo barato. Ámbolos dous afectan directamente ao transporte e á mobilidade.

O primeiro paso para enfrontar estes retos é optimizar o uso do que xa temos e non manter esta suicida fuxida cara adiante sen criterio e sen sentido.

É por isto que Espazo Ecosocialista quere manifestar a súa radical oposición á construción da A-57 e esixe a recuperación da concesión da A-9 para optimizar o seu uso e poñela ao servizo do conxunto da cidadanía

Facebook-01Facebook-01
Twitter-03Twitter-03
GoogleplusGoogleplus
PinterestPinterest
Rss-017Rss-017
DiigoDiigo
Linkedin-01Linkedin-01
Youtube-05Youtube-05

logoObencomun cor

Video destacado

"Alternativas ecosocialistas

en Europa"

 

Podes ver máis videos

na nosa sección multimedia

A forza dos nosos dereitos

 

Facebook

Powered by Enter Logic

Queres recibir o noso Boletín Informativo?