Debate do estado da autonomía 2014: AGE salienta a marea cidadá de cambio

Partillar no Chuza!Partillar no MenéamePartillar no FacebookPartillar no Twitter

beiras DEAPara o portavoz de AGE, Xosé Manuel Beiras, os gobernos do Partido Popular provocan “que a democracia estea volta do revés polo forro”. Así o explicou na súa intervención no debate sobre o estado da autonomía 2014 (da nación), en réplica ás dúas horas de propaganda baleira e mentiras abertas do discurso de Alberto Núñez Feijóo. “Vostedes non utilizan o poder que lles deron os seus electores para defendelos”, explicou o portavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), senón para sometelos ás agresións que lles ditan os seus amos. Exercen o poder contra os cidadáns do común. Carecemos de poderes políticos para nos defender, a diferenza doa acontecido nun país tan cativo como Islandia, con menos poboación que a comarca viguesa”. “E por riba vostedes executan esas agresións utilizando as institucións constituídas para o autogoberno e a autodefensa do pobo galego”, engadiu, “conquistadas nunha longa loita popular na que vostedes non participaron”.

Beiras referiuse ao “tráxico estado da nación galega arestora” logo de enmarcalo nun contexto de crise sistémica máis ampla: “A causa externa do agónico estado do noso pobo está nos xigantescos poderes que causaron a actual crise sistémica e someteron os poderes políticos aos seus ditados, ao xeito de ventrílocuo que utiliza os seus bonecos para facer e dicir o que el quere sen que o pareza”. O extremismo neoliberal conduce os pobos do sur de Europa a tempos anteriores á Revolución francesa, afirmou, nunha cita ao historiador británico Eric Hobsbawn. “Esa é a involución provocada pola actual contrarreforma reaccionaria a todos os niveis. Non só destrúe o Estado do benestar conquistado polos cidadáns a prezo de sangue, cadeas e bágoas”, estendeuse, senón a dinamitar os alicerces mesmos do Estado moderno e, xa que logo, da cultura e dos valores democráticos”. 

A crise atinxe a “todas as pezas da arquitectura capitalista”. E é nese “contexto determinante” en que Núñez Feijóo se dedicou esta mañá a pintar unha realidade irreal que esquece as condicións de vida da maioría social. Esa que, degrañou Xosé Manuel Beiras, “atópase reducida á infrutuosa procura de traballo ou ao exilio, á condición do que un clásico definiría como ‘escravos libres”. Cinco anos de Goberno do Partido Popular en Galiza, aferrollada nun Estado en proceso de recentralización e mergullado na descomposición da II Restauración, colocaron o país contra as cordas. “Non vou estragar o escaso tempo de que dispoño en facer o relatorio de agravios padecidos dende o pasado ano polo pobo galego a mans dos poderes da Unión Europea e do Estado, uns consumados directamente e outros utilizándoos a vostedes como emisarios”, dixo Beiras, “porque eses agravios xa os coñecen mellor ca ninguén os cidadáns que os padecen a cotío. Nós, os da AGE, pelexamos todo o ano con iniciativas que baten contra o muro de formigón desta casa dos mortos parlamentaria”. A maiores, espetou ás bancadas do Partido Popular que “en rigor, vostedes carecen de autonomía de decisión ou fan uso espurio da que lles outorga o Estatuto”.

“Os cidadáns practican a democracia pola súa conta”

Mais Xosé Manuel Beiras tamén debuxou as luces que albisca na Galiza. Á “evidente e progresiva diverxencia entre as institucións de poder e cidadanía do común que constitúe a maioría social”, esta procura e constrúe as maneiras de se defender. “Os cidadáns practican a democracia pola súa conta, organízanse en autodefensa e mobilízanse”, expuxo Beiras, “protestan e rebélanse”.

Son aqueles cidadáns e cidadás que combaten polo dereito a decidir. Beiras explicouno así: “Non só negan vostedes o fundamental dereito democrático a decidir das nacións sen estado, esgrimindo unha Constitución que vostedes violan cada día. Non só. Tamén negan vostedes o dereito das mulleres a decidir libremente sobre os seu corpo, ou o dereito a decidir dos traballadores sobre o destino da empresa que constitúe o seu medio de vida, ou das mozas e mozos sobre as súas oportunidades de traballo, ou dos mariñeiros sobre os recursos pesqueiros renovábeis”. É a dereita extrema que ocupa os palacios en Madrid e mais en Compostela a que, un día e outro, negan a democracia, que “como a república, é primeiro de todo unha cultura cívica, antes que unha forma de estado e un réxime político”. Ou como a lingua galega, “que só existe se o idioma é unha práctica social na fala e na escrita” e non no ritual cínico previo ao seu exterminio que tanto presta ao PP.

O portavoz de Alternativa Galega de Esquerda concluíu cun chamado á mudar a situación de arriba a abaixo. “A onda da rebelión cívica, o proceso de auto organización da cidadanía máis consciente e valerosa, leva camiño de se converter en mar de fondo e marea viva. A cidadanía galega está en marcha”, asegurou, antes de facer autocrítica: “Só fallamos polo de agora as organizacións políticas que temos o compromiso e a responsabilidade de aportar as nosas ideas e o noso esforzo militante a potenciar esa marea, asumíndomos que que o protagonismo lle corresponde aos cidadáns e non a nós, e non debemos suplantar a cidadanía auto organizada, senón colaborar con ela”.

Porque, rematou, son “precisas ferramentas para esa rebelión cívica”. “Estou a falar para dentro, pero sobre todo para fóra desta Cámara”, engadiu, “estou a falar para vós, cidadáns galegos do común activos e rebeldes, militantes ou non en calquera opción política que aposte pola emancipación social e nacional do pobo galego, ou sexa, a vosa propia emancipación colectiva”.

Facebook-01Facebook-01
Twitter-03Twitter-03
GoogleplusGoogleplus
PinterestPinterest
Rss-017Rss-017
DiigoDiigo
Linkedin-01Linkedin-01
Youtube-05Youtube-05

logoObencomun cor

Video destacado

"Alternativas ecosocialistas

en Europa"

 

Podes ver máis videos

na nosa sección multimedia

A forza dos nosos dereitos

 

Facebook

Powered by Enter Logic

Queres recibir o noso Boletín Informativo?