Partidos de ruptura e marea.gal formalizan unha folla de ruta polo cambio

Partillar no Chuza!Partillar no MenéamePartillar no FacebookPartillar no Twitter

marea coruñaO Coordinador do Colectivo de Intervención Política ESPAZO, Manel Cardoso,  asistiu onte venres 16 de outubro ao foro entre partidos e a Iniciativa Cidadán pola Marea Galega co fin de trasladar a necesidade dunha folla de ruta conxunta entre os partidos da ruptura democrática, as mareas municipalistas (nomeadamente as das grandes cidades) e os movementos sociais de resposta as agresión sociais, que cristalice nunha candidatura galega que se sume ao movemento de cambio que se está a desenvolver no estado.

Dita xuntanza cristalizou nun amplo consenso no que as organizacións establecen un calendario de traballo para ir concretando cada un dos puntos básicos aceptados.

[Comunicado oficial da xuntanza]

Na tarde de onte reuníronse en Compostela representantes do Encontro Cidadán por unha Marea Galega, Anova, Cerna, Compromiso por Galicia, Espazo, Equo, Esquerda Unida, e Podemos coa vontade de constituír un foro político no que abordar a construción dunha candidatura de Unidade Popular para as vindeiras eleccións xerais.

Todas as organizacións presentes na reunión, tras analizar o documento achegado polo Encontro Cidadán por unha Marea Galega, concordaron nas bases que Encontro Cidadán aporta ao traballo para a construción dunha candidatura popular, nos puntos recollidos no seu documento de proposta:

1. Contribuír activamente ao cambio político nos Gobernos de España e de Galicia. Temos que rematar coas políticas de austericidio, corrupción e involución democrática do Partido Popular, recuperando as institucións para o servizo da cidadanía e en favor das maiorías. Para iso é imprescindible a aglutinación de forzas nacionalistas e non nacionalistas nunha candidatura capaz de gañar as eleccións en Galicia.

2. Vontade de presentarse unidas tanto ás eleccións xerais como ás próximas autonómicas. Construción dunha verdadeira unidade popular. A mobilización da esperanza da unidade popular non pode reducirse a un simple movemento táctico, estamos construíndo un novo suxeito político; un suxeito político que comezou a artellarse nas eleccións municipais e que se inspira nas Mareas; un suxeito político, con vontade de permanecer e madurar como tal, no que a cidadanía galega sexa protagonista do seu futuro. Consideramos que a conformación desa unidade popular ten que ser un proceso real cunha tradución práctica e coherente nas accións políticas de todos os elementos que pretendan sumarse a esa unidade popular. É imprescindible a cooperación entre as forzas que dela participen, tanto nos ámbitos das institucións nas que comparten actividade política como no da mobilización da cidadanía en contra das políticas antisociais, sumándose aos movementos cidadáns. Nomeadamente a cooperación nos concellos de todas as forzas coas mareas municipais que son procesos de unidade.

3. Candidatura plural e cívica para vencer. Eleccións primarias abertas á cidadanía. Incluiremos a diversidade social e política de todas as enerxías do cambio reforzando o carácter integrador, alternativo e cidadán da proposta. O sistema de primarias será aberto a toda a cidadanía que se adhira aos principios da candidatura, para o que haberá que establecer un sistema de determinación do censo

4. Igualdade de xénero. Estableceranse mecanismos para evitar a discriminación das mulleres na confección das listas, garantindo a presenza feminina como cabezas de lista e nos postos de saída.

5. Programa aberto e participativo. Comprendemos o programa como un exercicio de intelixencia colectiva que recolle os saberes técnicos e a creatividade social para dar curso ás demandas da xente. O programa é a guía e o mandato cidadán para os representantes electos/as. O Encontro ofrece o labor desenvolvido e as ferramentas virtuais na elaboración do programa común.

6. Código ético e rendición de contas. Todas as persoas candidatas asumen un compromiso ético de obrigado cumprimento coa transparencia, a honradez e a eliminación de privilexios. Determinaranse mecanismos efectivos que garantan o compromiso co ben común e a rendición de contas diante da cidadanía que as elixiu.

7. Coalición electoral técnica. Grupo parlamentario ao servizo da cidadanía galega. Ao esgotárense os prazos para outras alternativas legais diferentes, entendemos que a coalición de partidos é a forma xurídica adecuada para presentarse ás eleccións xerais. A coalición permite fixar fórmulas de organización, dirección común e intervención por parte dos partidos e iniciativas cidadás implicadas. Os órganos de participación e dirección da coalición/candidatura asumirán os métodos transparentes da democracia participativa e da nova cultura política das mareas. As/os deputadas/os electas/os funcionarán a todos os efectos como un grupo parlamentario que se debe ao pobo galego e rende contas diante da súa cidadanía.

Coa fin de concretar e desenvolver cada un deses puntos, acordouse entre todos os presentes o establecemento dun calendario de traballo con prazos concretos. Asemade, decidiuse manter o proceso aberto á incorporación de outros axentes políticos e sociais que asuman esas mesmas premisas

Facebook-01Facebook-01
Twitter-03Twitter-03
GoogleplusGoogleplus
PinterestPinterest
Rss-017Rss-017
DiigoDiigo
Linkedin-01Linkedin-01
Youtube-05Youtube-05

logoObencomun cor

Video destacado

"Alternativas ecosocialistas

en Europa"

 

Podes ver máis videos

na nosa sección multimedia

A forza dos nosos dereitos

 

Facebook

Powered by Enter Logic

Queres recibir o noso Boletín Informativo?