Decálogo do espazo ecogaleguista para un proceso aberto cara a un novo instrumento político e unha maioría de progreso

Partillar no Chuza!Partillar no MenéamePartillar no FacebookPartillar no Twitter

polobencomun 

Un grupo de cidadáns e cidadás, poñemos en marcha un espazo que abra un proceso aberto para a constitución dun novo instrumento político cara a unha nova etapa, conscientes de que o país necesita novas ferramentas de intervención política e de intermediación cunha sociedade cada vez máis afastada dos instrumentos que ata agora e durante unha etapa exerceron a súa representación.

Iniciamos un proceso aberto ás persoas e colectivos que se queiran sumar. Un proceso que debera culminar nun primeira fase no congreso constituínte dunha nova forza galeguista ecosocialista na primavera do 2012 e posteriormente nunha grande alianza nacional de progreso que dispute a hexemonía a unha dereita con agresivas intencións de recentralización do Estado, restrición dos dereitos e liberdades e liquidación das conquistas sociais e do estado de benestar.

Unha iniciativa que ten no seguinte decálogo os principios básicos sobre os que asentar este novo proxecto que se pon en marcha:

1. NEOGALEGUISTA. Tratase dunha forza de caracter nacional que sitúe a Galicia no centro da súa intervención política e que actúe en función da análise da nosa realidade, pero construíndo un neogaleguismo cívico que se alonxe do nacionalismo esencialista e populista que ten impedido que moitos sectores con clara conciencia nacional se incorporasen ao mesmo. O nacionalismo dos anos trinta foi vangardista tanto en canto centrou a súa estratexia nas novas reivindicacións nacionais. O nacionalismo de esquerdas do post-franquismo foi quen de facer pivotar o seu discurso sobre as cuestións sociais. O galeguismo do século XXI, o neogaleguismo, terá que integrar as reivindicacións nacionais e sociais nun conxunto de novos dereitos democráticos, ambientais e emocionais das persoas, se quere volver a recuperar espazos sociais, e tamén electorais, nesta nova etapa.

2. ECOSOCIALISTA. O novo partido terá como piares o ecosocialismo galego, sendo os seus referentes políticos e culturais o sustentabilidade ecolóxica, a xustiza social global, a cultura da paz e a radicalidade democrática. Trátase dun proxecto integrador – sen unha única ideoloxía oficial – aberto ás diversas sensibilidades políticas do altermundismo e da chamada ‘nova esquerda’ pero na que é fundamental que o carácter democrático e ecoloxista apareza como elemento medular, fronte aos modelos da esquerda tradicional produtivistas, estatalistas e/ou totalitarios. Unha definición en conexión coa contradición central do noso tempo, máis se temos en conta que estamos nunha terra afectada gravemente pola desvertebración territorial, polo desastre urbanístico e paisaxístico, polas taxas europeas máis altas de produción de CO2 (Endesa) ou polos verquidos contaminantes nas costas (desde o Xurelo ata Nunca Máis).

3. SOBERANÍA CIDADÁ. Na etapa de globalización na que vivimos faise máis necesaria ca nunca a reafirmación da nosa soberanía nacional, entendida non de xeito idealizante como a de un ente colectivo abstracto senón como a soberanía da cidadanía, dos seus dereitos como persoas que conforman unha colectividade con intereses económicos, sociais, políticos, culturais, lingüísticos específicos e compartidos. A soberanía nacional é pois capacidade de autogoberno, pero tamén soberanía alimentaria, produtiva, estética, social. Construíndo desde a pluralidade unha realidade conformada como un crisol solidario entre diversos pobos e cidadanías do planeta.

4. SÓ TEMOS UN PAÍS E É DE TOD@S. Galicia é o país de tod@s @s galeg@s. Ninguén pode patrimonializar nin apropiarse do sentimento de galeguidade, da súa identidade, do seu patrimonio cultural e lingüístico, dos símbolos que son comúns a todos e todas. É por iso que o novo partido diferenciará claramente o seu logo da bandeira do país sobre a que non impoñeremos símbolos partidarios. Vivimos nun país con dous nomes – Galicia e Galiza – ambos lexítimos e, o que é máis importante, ambos ligados aos sentimentos de afecto das persoas cara ao noso pobo. Esa ‘riqueza’ debemos saber utilizala para construír sen exclusión, de xeito cívico, o noso país por e para todas as persoas.

5. CONSTRUÍR A ALTERNATIVA ANTIMONOPOLISTA. A necesidade de que a diversidade social se exprese tamén na imprescindible pluralidade política non implica obrigatoriamente afondar nas divisións e enfrontamentos. Abonda con renunciar ao dogmatismo e o sectarismo para construír un partido dialogante e con afán unitario, que se sitúa unicamente en contra das políticas que favorecen ao 1% que acumulan riquezas e beneficios fronte ao 99% que vive, e en moitas ocasións malvive, do seu traballo e da súa creatividade. A difícil situación que vive a grande maioría das persoas e ameaza ao conxunto do noso país esixe grandes doses de xenerosidade. O novo partido traballará para formalizar alianzas políticas estratéxicas estables, coalicións electorais puntuais e acordos de goberno que vaian en favor da maioría e en contra dos monopolios desde o respecto á pluralidade e sen ambicións de predominio.

6. INTERACTUANDO EN REDE NOUTROS MARCOS QUE NOS AFECTAN . O carácter nacional compleméntase coa acción global nun mundo interconectado e alí onde se aproban políticas que nos afectan. O novo partido debe situarse no espazo da novas forzas da esquerda europea e internacional. No estado español a relación en Rede con Equo, ICV, Compromis, IniciativaVerds ou outras forzas coas que temos proximidade son centrais para a consolidación do espazo político e a defensa dos nosos intereses nacionais. En Europa construíndo espazos comúns coas forzas da esquerda continental para a construción doutra Europa política e social fronte ao modelo especulativo-financeiro. No planeta interactuando co movemento altermundista en marcha pola construción dunha alternativa planetaria á globalización antisocial.

7. O PRIMEIRO A SOCIEDADE CIVIL. O novo partido enténdese coma un instrumento ao servizo da sociedade. A sociedade civil confórmase no social sobre a base de organizacións e movementos cívicos plurais e variados, desde o sindicalismo que posibilitou as conquistas laborais que hoxe se están a poñer en cuestión, ata as correntes nacidas de novas demandas de distintos sectores (pacifismo, feminismo, ecoloxismo…) e, por suposto, dos ‘novísimos’ movementos de indignación, máis ‘líquidos’, pero que sitúan con claridade as reivindicacións da rexeneración democrática (15M, DRX, 15O ).

Ese é o cerne do cambio e o partido non vai a instrumentalizar nin por suposto crear correas de transmisión para condicionar ou manipular os debates sociais, máis ben ao contrario, vai a asumir e a aprender daquelas esixencias da sociedade civil organizada que aposten pola defensa do ben común en cada un dos seus niveis. Neste sentido, consideramos que as leis que regulan dereitos e obrigas fundamentais deben ser ratificadas pola vontade popular por medio de referendos. Calquera modificación ou proposición de lei destas características ou decisións gobernamentais que afecten ás diferentes soberanías (política, económica, alimentaria…), deben estar sempre avaliadas pola vontade popular directa, única garantía de que é o conxunto da cidadanía, sexa cal for a tendencia ideolóxica dos seus membros individuais, a que ten sempre a última palabra.

8. NOVAS FORMAS DE ENTENDER A POLÍTICA. Os partidos convertéronse en clubs privados alleos ás necesidades das súas bases sociolóxicas e electorais. Este distanciamento só se poderá corrixir introducindo elementos de corresponsabilidade, interacción e transparencia que permitan a participación aberta da cidadanía, tales como as listas desbloqueadas, a limitación de mandatos, as votacións primarias abertas aos simpatizantes, a creación de órganos de control social, etc. Entre os principios irrenunciables están a democracia e o respecto a todas e todos sen facer do discrepante un disidente, a aposta pola non violencia e o pacifismo, a paridade entre o home e a muller, o respecto ao/á compañeir@.

9. PLURAL E ABERTO. Trátase de constituír unha organización de ampla base e plural. Desde o convencemento de que as formulacións da esquerda clásica – socialdemocracia e comunismo - están superadas e/ou desactualizadas, o partido debe estar aberto a persoas que aínda hoxe manteñen e defenden esas definicións como achegas centrais para a nova esquerda, facendo notar a especial relevancia do movemento sindical en tódalas súas expresións, máxime tendo en conta a situación actual. O proceso aberto e plural que abrimos non debe impedir que xa desde o inicio teñamos claras as funcións e tarefas que necesitamos levar adiante con organización e eficacia. Unha xestora asumirá as responsabilidades colectivas e individuais necesarias para levar adiante este proceso.

10. O VALOR DO ACTIVISMO E A ÉTICA. Queremos construír unha organización onde o valor do activismo e a ética sexan elementos medulares. Soamente hai unha corrupción peor cá corrupción económica: a corrupción moral. Faise necesario o rendemento de contas permanente e o cumprimento das propostas programáticas, a honestidade fronte á corrupción, a democracia xenuína, así como o diálogo e o compromiso como bases para o entendemento e o acordo. Diante de eventuais actuacións ilícitas non valen escusas de ningunha caste. Apostamos por recuperar a acción política da cidadanía no senso republicano do termo. Ningún membro da directiva política do novo partido cobrará polas súas funcións. No caso de seren necesarias tarefas profesionais contratarase a técnicos subordinados a responsables políticos. Os cargos institucionais cobraran unha parte do seu salario e non poderán exercer máis de dous mandatos.

10+1. NON TEREMOS ESTRUTURA DA MOCIDADE. O novo partido non practicará paternalismo coa súa xente moza nin tampouco necesitará de espazos para lanzar propostas que non é capaz de lanzar directamente por radicais ou politicamente inconvenientes. Cremos na participación da mocidade en pé de igualdade e por iso non crearemos estruturas específicas de mocidade. Cousa distinta é asinar protocolos de colaboración cos organizacións da mocidade existentes.

En Compostela a 9 de decembro de 2011

 
Facebook-01Facebook-01
Twitter-03Twitter-03
GoogleplusGoogleplus
PinterestPinterest
Rss-017Rss-017
DiigoDiigo
Linkedin-01Linkedin-01
Youtube-05Youtube-05

logoObencomun cor

Video destacado

"Alternativas ecosocialistas

en Europa"

 

Podes ver máis videos

na nosa sección multimedia

A forza dos nosos dereitos

 

Facebook

Powered by Enter Logic

Queres recibir o noso Boletín Informativo?